Compostela cultura

Axudanos a completar a axenda cultural
Escolle os eventos que máis che interesan clicando nas celas temáticas:










Axenda: Venres, 23 de xullo de 2010
  • 'Entre a razón e a pel', de Nuria Ruibal

    Zona C

    'Entre a razón e a pel', de Nuria Ruibal

    Procedente da selección de proxectos froito do convenio de colaboración co Máster de Arte Museoloxía e Crítica Contemporáneas da USC, "Entre a razón e a pel" é unha instalación da artista Nuria Ruibal comisariada por Ana Amado. Un percorrido que fala da vulnerabilidade do ser humano e o seu eu máis íntimo e das barreiras das que dispón para defenderse e relacionarse co mundo exterior; a temida é a vez desexada mirada do outro.

  • Mostra de Carlos Pardo

    Sala Arquinatura

    Mostra de Carlos Pardo

    A mostra componse de óleos e acrílicos sobre lenzo e táboa nos que a Ciudade é protagonista. É unha escolla de obras dos últimos anos do pintor vilagarcián. Paisaxes urbanas non reais nas que se sedimentan elementos de cidades visitadas e imaxinadas, quizais soñadas pero cunha alma única feminina.

  • Biblioteca na Rúa

    Actividades nas rúas de Compostela

    Biblioteca na Rúa

    Grazas á colaboración das Concellerías de Cultura e a de Medio Ambiente do Concello de Santiago coa Biblioteca Ánxel Casal, dependente da Xunta de Galicia, a biblioteca pode difundir a súa existencia na propia rúa, máis próxima aos posíbeis usuarios. Unha persoa pertencente á Biblioteca dará información á xente que se achegue ao posto de Parques e Xardíns sobre o funcionamento da Biblioteca, faralles o carné aos interesados ou interesadas (incluso lles sacará a foto se non a teñen) e entregaralles folletos informativos. Acompañando o traballador haberá unha pequena representación do fondo que posúe a Ánxel Casal: novidades e clásicos de adultos e infantís en diferentes soportes. O persoal da biblioteca estará de 10 a 14 h., o resto do tempo que Parques e Xardíns teña aberta a caseta só se poderán coller os folletos e ver os libros.

  • Os Portais

    Hostal dos Reis Católicos

    Os Portais

    Tres nomes brasileiros, Christina Oiticica, Paulo Coelho e Romero Britto, unidos baixo un único lema. Os Portais é a exposición que reúne dous grandes artistas da arte contemporánea e un da literatura como parte da conmemoración do Ano Xacobeo.

  • Outumuro Looks: 20 anos fotografando moda

    Auditorio de Galicia

    Outumuro Looks: 20 anos fotografando moda

    A exposición 'Outumuro Looks', é unha mostra procedente do Museu Textil i d’Indumentaria - Disseny Hub de Barcelona que recolle os últimos 20 anos da traxectoria profesional e artística do fotógrafo ourensán Manuel Outumuro.

  • A vida está na auga

    Centro Comercial Area Central

    A vida está na auga

    A ONG Intervida amosa as dificultades que existen en África para acceder á auga potábel a través da exposición A vida está na auga. A mostra componse de oito paneis que conteñen información co obxectivo de sensibilizar a poboación sobre os problemas de escaseza e de calidade da auga que existen en países como Malí, onde moitas persoas consumen auga contaminada de ríos e pozos poñendo en perigo a súa saúde.

  • Campamento Nanonasa

    10:00 - 12:00 | Sala NASA

    Campamento Nanonasa

    Nanonasa contará con varias actividades dirixidas a promover a creatividade dos cativos e cativas, que traballarán divididos en grupos segundo a súa idade. Así, o obradoiro de música centrarase fundamentalmente na construción de instrumentos musicais inventados e na elaboración de contos musicais e o de teatro traballará co corpo, o movemento, a voz, os obxectos en escena e a creación de personaxes.

  • Interiores do Vía Stellae. Fotografías de Fuco Reyes

    11:00 - 14:00 | Aula Sociocultural Caixa Galicia

    Interiores do Vía Stellae. Fotografías de Fuco Reyes

    Exposición do fotógrafo compostelán Fuco Reyes enmarcada na programación do Ano Xacobeo 2010.

  • Contacontos: "Contos do camiño"

    novo 12:00 - 13:00 | Biblioteca Pública de Santiago Ánxel Casal

    Contacontos: "Contos do camiño" Eduvia

    Aproveitando o ano Xacobeo, un actor/animador caracterizado como un peregrino antigo realizará un conto dramatizado aos nenos e nenas asistentes, de historias e lendas da tradición oral e escrita, ambientadas ou relacionadas co Camiño de Santiago: a chegada do corpo do Apóstolo a Galicia, o Milagre da Galiña e o Galo, ou a lenda de Roldán e Ferragut, entre outras moitas. Os contos e historias están adaptadas cunha linguaxe actualizada para facelas comprensibles ao público asistente.

  • Preséntase 'O botafumeiro. Estudos e evocacións'

    novo 13:00 | Catedral de Santiago de Compostela

    Preséntase 'O botafumeiro. Estudos e evocacións'

    Preséntase en rolda de prensa o libro O botafumeiro. Estudos e evocacións, unha descrición do "rei dos incensarios " desde os puntos de vista histórico, filolóxico e físico. Trátase dunha iniciatva editorial do Consello da Cultura Galega publicada por Hércules de Ediciones con versións e volumes en galego e castelán.

  • Curso intensivo de háppening na rúa

    17:00 - 21:00 | Circonove

    Curso intensivo de háppening na rúa Antón Coucheiro

    Antón Coucheiro imparte un curso de 20 horas sobre háppening, disciplina que consiste en facer espectáculos na rúa, procedente das performances e do living theatre dos anos 60.

  • Bibliopiscina

    17:00 - 20:30 | Pavillón Multiusos Fontes do Sar

    Bibliopiscina

    Libros, bandas deseñadas, guías, álbums para os pequenos, libros de entretemento... O verán é tempo de calor, sol e piscina, e tempo tamén de gozar de refrescantes lecturas de lecer nunha actividade enmarcada no programa Vive o Verán.

  • Recital de guitarra dedicado ao Camiño de Santiago

    novo 18:00 | Museo do Pobo Galego

    Recital de guitarra dedicado ao Camiño de Santiago

    O concerto Express do Festival Via Stellae deste venres está dedicado a "De Roncesvalles a Compostela", un programa inspirado no Camiño de Santiago que interpretará o guitarrista vigués Juan Enrique Miguéns no claustro de Bonaval-do Museo do Pobo Galego. Este concerto estruturado en tres seccións (O Camiño, Chegando a Galicia e En Compostela) inclúe obras de compositores de ben diversa procedencia como o madrileño Federico Moreno Torroba, o burgalés Regino Sainz de la Maza, o alicantino Amando Blaquer ou o barcelonés Federico Mompou.

  • L’isola amorosa: madrigais e cancións do Seicento italiano

    novo 20:30 | Facultade de Xeografía e Historia

    L’isola amorosa: madrigais e cancións do Seicento italiano

    A soprano Roberta Invernizzi e o arpista Manuel Vilas ofrecen un concerto dedicado ao século XVII italiano, con obras de Monteverdi, Caccini, Mayone ou Ferrari, entre outros. Forma parte do programa Via Stellae.

  • Concerto da Orquestra do Encontro de Música e Academia de Santander 2010

    novo 20:30 | San Martiño Pinario

    Concerto da Orquestra do Encontro de Música e Academia de Santander 2010 Péter Csaba

    O mestre Péter Csaba dirixe a Orquestra do Encontro de Música e Academia de Santander 2010 no concerto que terá lugar na Igrexa de San Martiño Pinario para celebrar este Ano Xacobeo.

  • Presentación de 'Come on Pelegrín'

    novo 22:00 | Moon Music Club

    Presentación de 'Come on Pelegrín'

    Festa de presentación do disco Come on Pelegrín, que recolle 24 temas doutras tantas bandas de rock da cidade. O acto contará coa actuación ao vivo de Pito de Pikasso e Metralletas Lecheras, coa presentación a cargo de Snob Megalove.

  • Concerto de Bebe nas Festas do Apóstolo

    novo 23:00 | Praza da Quintana

    Concerto de Bebe nas Festas do Apóstolo

    A cantante valenciana Bebe chega a Compostela para dar un concerto na praza da Quintana, enmarcado na xira de presentación do seu último disco, Y.

  • Disco-Barroco: Se Haendel e Vivaldi levantasen a cabeza...

    novo 23:00 | Sala Capitol

    Disco-Barroco: Se Haendel e Vivaldi levantasen a cabeza...

    Inédita sesión discoteca no Festival Via Stellae. Unha cantante de xenio (a soprano alemá Simone Kermes), unha orquestra barroca (Dolce & Tempesta) e unha parella de Djs e artistas multimedia italianos (LN Ripley) reunidos na Sala Capitol baixo a dirección escénica de Davide Livermore para un espectáculo único. Unha noite para un público novo e para afeccionados sen prexuízos con música de Haendel e Vivaldi, e algunhas sorpresas... A noite alongarase coa presenza dalgúns coñecidos Djs da noite compostelá.

O que vai vir
  • Palmarés Curtocircuíto 2010 12/08/2010 Este xoves poderemos ver as curtas gañadoras do último festival Curtocircuito. Velaí van os títulos...
  • La Otrabanda 17/08/2010 La Otrabanda é un proxecto musical integrado por venezolanos vivindo no exterior, creado para compartir as súas cancións, inspiradas pola música popular e folclórica venezolana, que reflexan a actual idiosincrasia dese país de forma fresca e optimista.
  • Mine Kawakami 24/08/2010 A prestixiosa pianista e compositora Mine Kawakami fai a súa particular peregrinación polo Camiño de Santiago cunha serie de concertos inspirados na Ruta Xacobea.
  • Xoán Curiel Cuarteto 12/08/2010 Xoán Curiel reuniu as súas creacións en lingua galega no álbum 'Nai'. Nel Curiel canta á figura da nai e á terra.
  • In Reverse 17/08/2010 De formación recente, o cuarteto In Reverse nace coa motivación de explorar os ritmos funk e soul desde os seus inicios ata os nosos días, mesturando estes con elementos do jazz, estilo común para os catro músicos.

No cinema
Exposicións