A Concellaría de Cultura impulsa un desenvolvemento democrático, participativo, activo e creativo dos programas culturais que promove co fin de facilitar a transformación da sociedade mediante a xeración de identidade, entrelazando memoria e futuro. Aspírase a promover unha cultura na que os composteláns se poidan recoñecer e na que asemade podían albiscar a diversidade de pobos, nacións e linguas do mundo de xeito aberto e cun carácter de universalidade.
É un compromiso corporativo da Concellaría favorecer a extensión da realidade cultural máis alá dos sectores tradicionais, como literatura, artes escénicas, plásticas, audiovisuais ou patrimonio, para xerar novas canles que vinculen a cidade coas forzas que moven a sociedade compostelá, ao tempo que insiren o momento cultural nas posibilidades da sociedade da información.
Estímase ademais necesario soster un compromiso vinculante coa cidadanía, que debe ser a protagonista última da acción cultural da cidade, como emisora dos contidos e mensaxes culturais e, así mesmo, como receptora do abano múltiple das propostas culturais galegas e da diversidade de pobos do mundo.
A cooperación e apoio no desenvolvemento de proxectos culturais xerados polos diferentes axentes sociais, co establecemento de medidas e convenios que estimulen a súa participación, e o apoio das manifestacións tradicionais da cultura popular galega como a artesanía, música, folclore ou festas populares son outras das estratexias da xestión que impulsa a Concellaría de Cultura.
Socorro García Conde