Suso León
A Galería José Lorenzo mostra desde o martes 27 de xullo e ata o 6 de setembro a exposición: "Caixas dos segredos", do escultor compostelán Suso León. Esta exposición é unha nova colección de obras en madeira e bronce.
Nesta nova exposición preséntanse as últimas obras do artista: murais de madeira de cedro e caixas xacobeas realizadas en bronce. Ambas obras co mesmo discurso, unhas pezas onde, como o título da exposición suxire, evócannos o subconsciente.
Os murais e pezas de madeira están compostos de elementos que nos remiten ao dadaísmo e ao surrealismo. As caixas xacobeas, por outra parte, evocan os cofres antigos con numerosas referencias aos símbolos Xacobeos. Nestas dúas obras tan distintas en principio, subxace a importancia dos procesos técnicos, como interactúan na creación, xogando co ensaio e a experimentación, para obter resultados plásticos que marcan o seu propio e orixinal camiño creativo.
Suso León, fórmase en escultura en Santiago de Compostela e Italia principalmente. No ano 2001 viaxa a Polonia onde entra en contacto con especialistas en arte sacra, o resultado desta experiencia é a intervención na creación de diversa obra relixiosa para diversos lugares de España.
No 2004 realiza a creación e fundición da Porta Santa da Catedral de Santiago de Compostela. Nesta catedral tamén realizou, entre outras obras, o tímpano da Porta Santa, as placas e tondos da tumba de Teodomiro, San Xoán Bautista na capela da Corticela, etc... Tamén hai obras súas en Santo Domingo de Bonaval, no Convento do Carme, no Convento de San Francisco, na Igrexa de San Xurxo na Coruña, no Porto de Coruña (Virxe do Carme), etc.