Compostela cultura

Estás en: Destaques > Plástica > Imaxes polares na Alameda
'A viaxe polar'

QUECEMENTO GLOBAL

Imaxes polares na Alameda

(05/07/2010) Mostrar os efectos do quecemento global sobre os Polos, a súa inmensa beleza, a fauna que o habita e o importante papel que desempeña no equilibro do planeta son os obxectivos cos que foi concibido o proxecto A viaxe polar, que inicia en Compostela un percorrido por diferentes cidades.

Pingüíns emperadores

Pingüíns emperadores

Liderado polo fotógrafo ferrolán Carlos Caraglia, A viaxe polar é un ambicioso proxecto de divulgación cuxa primeira fase se poderá coñecer nesta mostra, que se presenta por primeira vez en Santiago con motivo do Ano Xacobeo 2010 e que permitirá aos visitantes ver imaxes inéditas sobre a vida no Polo.

A exposición baséase nos fondos da viaxe que en decembro de 2009 realizou Carlos Caraglia e o seu equipo á Antártida. En concreto, percorréronse 7.000 millas mariñas (11.265 km) a bordo do crebaxeos ruso «Kapitan Klebnikov», accedendo aos lugares máis extremos da Terra, visitando as inaccesibles colonias de pingüíns emperador e os refuxios dende os que Scott e Shackleton iniciaron as campañas cara á conquista do Polo Sur.

A mostra, que se poderá visitar no parque da Alameda de Santiago do 3 ao 10 de xullo e que foi posible grazas á colaboración de Turismo de Santiago e do Concello de Santiago, así como aos patrocinadores e colaboradores, ocupa unha superficie expositiva de 100 m2 e conta cun programa de actividades coidadosamente deseñadas nas que se combinará o entretemento coa divulgación. No apartado puramente expositivo, o visitante encontrarase con catro espazos de imaxes inéditas: Antártida, Desxeo no Ártico, Pingüíns Emperador e Cabanas dende as que partiron as míticas expedicións de Robert Falcon Scott e Ernest Shackeleton.

De forma paralela á exposición, a Aula de Cultura da Fundación Caixa Galicia acollerá un ciclo de conferencias sobre as expedicións realizadas no Polo e sobre o cambio climático a cargo dos propios protagonistas deste proxecto divulgativo.

O proxecto, que conta co respaldo de Pachá, a Fundación Caixa Galicia, Gadis, Coca Cola, o concello de Ferrol, Turismo de Santiago, o concello de Santiago e USP Hospitais, ten unha segunda fase que se iniciará o ano que vén e que consistirá na gravación dun documental sobre os efectos do cambio climático nos Polos e os océanos, para o que xa se están a preparar novas expedicións.

Máis destaques de plásticas
Ligazóns
O equipo
Carlos Caraglia, fotógrafo Realizou tres viaxes á Antártida en calidade de fotógrafo e tras a primeira, en novembro de 2007, involucrouse de forma activa na loita pola preservación das Zonas Polares. En agosto de 2009 organizou a primeira expedición do Proxecto Polar no Ártico, onde permaneceu durante 14 días no Casquete Polar de Grenlandia, mentres que na súa última viaxe (decembro de 2009), percorreu 7.000 millas mariñas a bordo do «Kapitan Klebnikov», accedendo aos lugares máis extremos da Terra, visitando as inaccesibles colonias de Pingüíns Emperador e os refuxios dende os que Scott e Shackleton iniciaron as campañas cara á conquista do Polo Sur.

Manu San Félix, director de rodaxe Creceu vendo os documentais de Félix Rodríguez e Jacques Cousteau, fascinado por eles, soñou con emular os seus pasos. A consecuencia foi unha vida consagrada ao estudo, conservación e observación do mar. Mergullador dende o ano 1981, facéndose instrutor en 1984. Actualmente é instrutor de 15 especialidades con máis de 6.000 inmersións. É fotógrafo profesional dende 1988, e publicou numerosos artigos e centos de fotografías en publicacións de todo o mundo. En febreiro de 2009 asinou o primeiro contrato con National Geographic como operador de cámara e fotógrafo submarino para o proxecto Ocean Now. Actualmente traballa para National Geographic como director de documentais.

Leandro Blanco, director de rodaxe O seu primeiro curto gaña o premio no London Film Festival, e en 1993 a revista BBC Wildlife, dálle o premio ao mellor documentalista do ano. En 1990 empezou a gravar debaixo da auga. O seu primeiro documental submarino, o cal, narrou, filmou, editou, e mesmo executou e compuxo toda a música, conseguiu acaparar numerosos premios internacionais en moi diversos festivais do mundo. Durante estes anos, decide dedicarse exclusivamente á filmación submarina. Dende entón, ten no seu poder máis de 100 premios internacionais, incluídos o da Royal Photografic Society como membro honorario. Hoxe en día está a traballar para National Geographic Society como cámara e realizador.
Axenda
Horario:

3 de xullo de 2010 - 10 de xullo de 2010

Lugar:

Actividades nas rúas de Compostela
(Parque da Alameda)