Compostela cultura

Estás en: Destaques > Varios > Vive o verán ao aire libre
Vive o verán

ACTIVIDADES SOCIOCULTURAIS

Vive o verán ao aire libre

(14/06/2010) Durante os meses de verán, coa chegada do bo tempo e do período vacacional, os hábitos de uso dos centros socioculturais varían. É o momento de saír á rúa e facer as actividades nos parques e nas prazas da cidade. Por outra banda, as actividades de grupo son o escenario axeitado para relacionarse e facer amigos, ao tempo que practicamos deporte, participamos nun roteiro, miramos as estrelas, gozamos do cinema ao aire libre, dos xogos populares ou buscamos un tesouro agochado nun parque.

O programa de actividades está orientado tanto ás persoas usuarias dos distintos centros socioculturais que, chegado o verán, atopan nesta oferta unha continuidade ao que fan durante o curso no interior dos equipamentos e, por outra, desexamos achegarnos ao público de Compostela que non adoita participar nestas actividades por descoñecemento ou por falta de hábito.

Vive o Verán inclúe tamén como novidade actividades específicas de estadía para nenas e nenos e mozas e mozos en contornas de natureza de fóra de Santiago. Vive o Verán é froito da colaboración entre as concellerías de Cultura e Centros Socioculturais e mais Medio Ambiente. Conta tamén con achegas de Arteria Noroeste e do Multiusos Fontes do Sar.

A finalidade do programa é achegar ao público unha oferta de lecer sociocultural adaptada ao tempo do verán, gozando dos espazos naturais e urbanos de Compostela. Con esta exteriorización das actividades, facilítase crear canais de diálogo simbólico entre veciñanza, natureza e espazo urbano, poñendo en valor a rúa, que actúa como fío condutor cunha finalidade socioeducativa transversal: o civismo e o desfrute da cidade.

As actividades divídense entre as abertas e de balde, para as que só é preciso achegarse ao lugar onde se desenvolven; as con preinscrición e de balde, para as que é necesario apuntarse previamente para poder participar, ben sexan obradoiros, roteiros ou visitas a parques, romarías, busca de tesouros ou obradoiros de pasarrúas; por último, hai actividades que precisan preinscrición e o pagamento dunha cota, como as saídas a Arnela, a visita ao parque acuático de Cerceda ou o campamento para mozos e mozas.

Vive o Verán desenvolverase en lugares tan diversos como os parques (de Bonaval, a Alameda, Monte da Almáciga, Belvís, Parques do Norte, Monte do Gozo, Monte Pedroso, Granxa do Xesto e Finca de Vista Alegre), na Carballeira de Nemenzo, na Praza de San Martiño Pinario, no LSC da Trisca, no contorno od LSC A Gracia ou nas piscinas do Multiusos Fontes do Sar.

Os puntos fortes desta edición comprenden novidades como Tardedarte (espazo para fomentar a creatividade e a expresividade en nenas, nenos, mozas e mozos, que inclúen obradoiros de percusión, canto, danza e circo), Os clásicos á rúa (proposta de clásicos do cine ao aire libre en San Martiño Pinario), Estadías de fin de semana para os cativos nas contornas naturais de Compostela e proximidade, Busca de tesouros (ou geocaching), Visitas guiadas polos balcóns de Compostela, Roteiros de recollida de plantas, unha Xornada de xogos populares, Representacións de teatro na rúa, ademais da colaboración doutros axentes socioculturais e a extensión do programa dende mediados de xuño até mediados de setembro.

En total, o público potencial do amplo programa de actividades amplíase a 7.515 persoas, fronte ás 4.251 persoas que participaron na edición do ano pasado.

Máis destaques de varios
Resumo do programa
Tai Chi e Chi Kung
  • Xullo e agosto
  • De luns a xoves ás 10 h. no Parque de Bonaval
  • Martes e xoves ás 20 h. no Parque da Alameda
  • Se chove, no CSC das Fontiñas ou do Ensanche
Ximnasia terapéutica
  • Xullo e agosto
  • De luns a xoves ás 10 h. no Parque da Alameda
  • Se chove, no CSC do Ensanche
Cine: os clásicos á rúa!
  • Xullo e agosto
  • Xoves ás 22.30 h. na praza de San Martiño Pinario
Sábados no parque
  • Xullo e agosto
  • De 11 a 14 h. no Parque de Belvís
  • Se chove, no CSC da Trisca
A feira do sol
  • Sábado 19 de xuño ás 11.30 h. na Alameda
Fin de semana en Arnela
  • "A miña primeira saída"
  • 25, 26 e 27 de xuño no Albergue Xuvenil de Arnela
Bibliopiscina
  • Xullo e agosto
  • De luns a venres de 17 a 20.30 h.
Tardedarte
  • Xullo e agosto
  • Mércores no parque de Bonaval
  • Nenos/as de 18 a 20 h.
  • Mozos/as de 20 a 22 h.
  • Se chove, no CSC das Fontiñas
Obradoiros medioambientais
  • Xullo e agosto
  • Mércores de 11 a 13 h. no parque de Belvís
Roteiros polos ríos e parques
  • Xullo e agosto
  • Martes ás 17 h. e xoves ás 11 h.
Visitas Guiadas
  • Xullo e agosto
  • Balcóns de Compostela
  • Percorrido no tren turístico
  • Parques de Compostela
Geocaching na procura de tesouros
  • 8 de xullo ás 18 h.
  • 9 de setembro ás 18 h.
Obradoiros infantís de pasarrúas
  • Xullo e agosto
  • 11.30 a 13.30 en Arteria Noroeste
  • Parque de Vista Alegre
Campamento para mozos e mozas
  • 3, 4 e 5 de setembro
  • LCS do rural de Santiago
Observando o ceo
  • 16 de xullo: 18 h. na rúa Berlín
  • 16 de xullo: 22 h. no CSC A Trisca
  • 12 de agosto: 22 h. no Parque de Belvís
Saídas ao parque acuático de Cerceda
  • 8 e 15 de xulllo
Xogos populares
  • 18 de xullo e 12 de setembro
  • 17 h. no Parque da Alameda